ACTIVIDADES PARALELAS: CHARLAS, PRESENTACIÓNS DE LIBROS, XORNADAS GASTRONÓMICAS, CATAS E PINCHADAS
Como vén sendo habitual dende os seus inicios, o Outono Códax completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas.
Tendo en conta que Nova Orleans é o fío condutor desta edición, o festival inclúe na súa programación, o sábado 11 de decembro no Riquela Club e baixo o título «Walking to New Orleans», unha charla na que participarán os músicos Aurora Nealand, Carlos Childe, o xornalista Jacobo Rivero e o escritor e músico Tom Sancton. A charla estará moderada polo crítico musical do diario El País Fernando Navarro.
Ao seu remate Jacobo Rivero presentará o seu libro «Bulbancha: música, calle y resistencia desde Nueva Orleans», un retrato de Nueva Orleans como espazo de cooperación colectiva e exemplo de rebeldía política e artística.
Tamén Fernando Navarro presentará o seu novo libro. Será no Riquela o venres 10 de decembro. O seu título é «Maneras de vivir», unha obra que relata o percorrido que o escritor e xornalista realizou polas rúas de Madrid durante os meses máis duros da pandemia para descubrir como loitaban por sobrevivir algúns dos locais e personaxes máis xenuínos da cidade, como as salas El Sol, Galileo ou Clamores; a Cuesta de Moyano, o Museo del Prado, os cines de barrio e o Doré, o teatro Pavón e os alternativos de Arganzuela, bares como La Vía Láctea ou o Palermo, librerías familiares, tendas de vinilos, asociacións veciñais, músicos de rúa e un longo etcétera.
Nova Orleans non só estará representada no Outono Códax a través da música. Tamén a súa gastronomía estará presente durante eses días en Compostela. As xornadas gastronómicas «Con NOLA ata na sopa» achegarán a cociña cajún a tres locais da cidade (A Carrilana, Flamingo e Riquela) dende o xoves 9 ao sábado 11 de decembro.
Outras das actividades previstas é o programa «Xoves en branco», no marco do cal realizaranse tres catas de viño. O xoves 18 de novembro no restaurante Benedita Elisa, o 25 de novembro no hotel Virxe da Cerca e o 2 de decembro no restaurante Flamingo. A estas catas poderase acceder por orde de inscrición cando a organización as anuncie en redes sociais, co único requisito de ser posuidor dunha entrada ou abono para o festival.
Como xa é habitual en cada edición do Outono Códax, varios dos concertos terán continuidade con cinco sesións “pinchadas” a cargo de Dj’s como Fran Reixa, Selecta Naranja, Abel Vision, Julián Maeso e Brenda & Javi Savoy.