Daddy Long Legs
Din que as bandas que conseguen saír da axitada escena musical de Brooklyn teñen algo especial. Chamar a atención entre tantos sons de medio mundo ten un mérito que hai que recoñecer. E dalí xurdiron Daddy Long Legs, a banda de Brooklyn que abre esta edición do Outono Códax. Chegan no seu novo formato de 4 membros, con Dave Klein (teclados), Brian Hurd (voz, harmónica e guitarra), Murat Akturk (guitarra slide) e Josh Styles (batería).
Cando nunha ocasión lle preguntaron a Brian Hurd «Que é Daddy Long Legs?», Hurd respondeu: «A salvación do rock and roll a través do espírito das raíces e o blues».
O cuarteto está influenciado por xente como Son House, Captain Beefheart, Howlin’ Wolf, MC5 e Dr. Feelgood e o seu son personifica o garage-rock e o punk cunha crueza contemporánea tocado baixo o seu hipervitaminado R&B marca da casa.
Desde a súa formación en 2010, a banda editou tres discos de estudo, un álbum en vivo, e 5 sinxelos, tres deles no selo español FOLC Records.
Daddy Long Legs teñen compartido xira con Jon Spencer, Hurray For The RiffRaff, The Sonics, Nikki Lane ou Nick Waterhouse, entre outros.