Fantastic Negrito
O derradeiro dos pratos fortes do Outono Codax 2024 chega á Sala Capitol con dous Grammys na maleta. O primeiro gañouno en 2016 co seu segundo disco, The Last Days Of Oakland, merecedor do Grammy ao mellor álbum de blues contemporáneo daquel ano. Un disco e un fito que situaron a Fantastic Negrito no olimpo da música negra. El defínese como un músico de “blues con actitude punk”. E o é. A súa é unha das coleccións musicais máis crúas (sonora e emocionalmente), repleta dunha perspectiva vital gañada a base de golpes. Urxente e visceral, con rabia, protesta e autobiografía.
En 2018, co seu terceiro disco, Please Don’t Be Dead, conseguiu gañar o seu segundo Grammy consecutivo, tamén na categoría de mellor álbum de blues contemporáneo.
En xuño de 2022 publicou un novo álbum, White Jesus Black Problems, no que se afasta das convencións do blues-rock e do que en febreiro de 2023 lanzou unha secuela, Grandfather Courage, onde reimaxina en clave acústica as cancións do seu predecesor.
O pasado 2 de xullo Fantastic Negrito e Sting (si, o de The Police) publicaron un single conxunto, Undefeated Eyes, editado desde o propio selo de Fantastic Negrito, encaixando perfectamente as súas distintivas voces para contar con elegancia crúa, pero chea de vida unha historia sobre a perda da confianza e os momentos baixos das relacións.
O músico de Massachusetts xa anunciou que no seu concerto no Outono Códax presentará un novo disco, do que polo momento descoñécese tanto o título como a data de lanzamento.