JUDIT HILL

O Outono Códax 2021 ábrese cun dos pratos fortes do festival, a presenza de Judit Hill, unha das grandes voces do soul de Estados Unidos. Foi corista habitual de Stevie Wonder, Chacka Khan ou George Benson ata que Prince tomouna da súa mandurante os dous últimos anos da súa vida converténdoa na súa corista principal e producíndolle o seu primeiro disco, «Back in time». Contan que nunha ocasión Prince, cando estaba sendo acosado polos xornalistas, contestoulles: “Non me fagades as preguntas a min, facédellas a ela, que pronto vai ser tan famosa que nunca máis vos atenderá”.

Judit Hill tamén foi seleccionada para participar nos concertos da xira «This Is It» de Michael Jackson, nos que cantaría xunto ao rei do pop o dueto «I just cant stop lovin you». Tras o repentino falecemento do músico, Hill foi a encargada de cantar «Heal The World» no funeral de Jackson, o que a puxo no mapa mundial nun instante.

O ascenso a fama de Judith Hill quedou reflectido en «A 20 pasos da fama» (20 Feet from stardom), a pelicula dirixida por Morgan Neville, gañadora do Oscar ao Mellor Documental en 2014.

Orixinaria de Los Ángeles, Judith Hill provén dunha familia musical birracial: xaponesa e afroamericana. A súa nai, Michiko, e o seu pai, Robert, coñecéronse formando parte dun grupo de funk na década dos 70. Hoxe en día continúan actuando na banda que acompaña en directo a Judith.

Hill chega ao Outono Códax 2021 para ofrecer un dos dous únicos concertos que realizará en España, no marco da xira de presentación do seu último disco «Baby, I’m Hollywood», publicado en marzo deste mesmo ano, no que propón unha declaración persoal vibrante e desafiante en torno ao pracer, a dor e á celebración. Un disco de natureza caleidoscópica que supón unha viaxe completa aos anais da música negra: pasado, presente e futuro, cheo de soul retro, blues conmovedor, espléndidas baladas de piano e funk psicodélico e bailable.