Moura
Dous anos despois do lanzamento do seu debut, Moura, a banda ven de presentar neste 2022 o seu agardado segundo traballo de estudio, Axexan, espreitan, no que profundizan aínda máis na tradición galega, tanto a nivel lírico coma instrumental. A súa proposta transita a medio camiño entre a neo-psychedelia, o rock progresivo e o kraut-rock, xunto á tradición musical galega.
Moura debuxan un pequeno mapa do patrimonio inmaterial do pobo galego elaborado a base de lembranzas persoais, costumes populares e ritos,. Nunha sorte de particular aquelarre na procura do transo colectivo empregando a lingua galega como voz ritual. «A perfecta combinación do folklore tradicional da súa terra galega coa psicodelia e o rock progresivo […] Non poden ser comparados con nada, a súa personalidade é única. Moura son aire, lume, terra e auga feitos cancións. Música orgánica que achega un novo mundo que agarda a ser descuberto; un universo no cal quedarás preso para a eternidade», como os definiu Ruta 66.
A banda está formada por Diego Veiga, Hugo Santeiro, Fernando Vilaboy, Luis Casanova, Pedro Aguado e Belém Tajes.