NÉSTOR PARDO

Chega Néstor Pardo ao Outono Códax 2021 para presentar a, quen sabe se última, reinvención do seu proxecto persoal. Finiquitado o proxecto de PARDO, o músico retoma o seu nome completo para comezar un novo camiño influenciado pola música africana, os espirituais e o gospel.
En xaneiro de 2021 publicou o primeiro single desta nova etapa, «Hai que saber esperar», un tema gravado na corentena na súa propia casa, a través de maquinas antigas de cinta reel to reel, en absoluto directo coa súa guitarra, a súa voz e as súas botas como único acompañamento.
O pasado 2 de outubro, da man de Carajillo Records, viu a luz o primeiro vinilo en 7’’ en solitario de Néstor Pardo, titulado «Con la muerte di». Tan só apoiado pola súa afiada guitarra resonadora e unha antiga navalla (herdanza familiar segundo conta el mesmo), Néstor Pardo móstrase dende o seu lado máis sincero e introspectivo a través de dúas cancións da súa propia man onde a morte, e por conseguinte a vida, son os únicos protagonistas.
Este proxecto é a culminación dunha traxectoria musical que Néstor Pardo iniciou en 2004 cando, con só 19 anos, formou a súa primeira banda, The Loveless Cousins, na que exercía como cantante, guitarrista e compositor. Con esa formación de corte rockabilly editou dous álbumes e realizou xiras por España e Europa.
En 2008 deixou A Coruña e asentuse en Madrid para finalizar os seus estudos na Escola de Música Creativa, titulándose como guitarrista profesional en música moderna. Alí establece amizade co músico Roi Fontoira con quen monta The Allnight Workers, banda coa que tamén grava dous discos e coa que xirou por toda Europa.
En 2012 Néstor Pardo regresa á súa cidade natal e un ano despois emprendeu a súa carreira en solitario, deixando atrás calquera etiqueta ou prexuízo. Dende entón e ata a chegada deste «Coa morte dei» publicou tres discos longos.