SARAH SHOOK & THE DISHARMERS

Sarah Shook foi unha das máis gratas sorpresas no mundo do country alternativo cando no 2017 o seu debut mostrouna como a máis díscola, belixerante e contestataria das cantantes que encaixan na etiqueta. Desde aquel cegador «Sidelong» chegaron dous discos máis na súa mellor liña de country heterodoxo e visceral na nudez das súas cancións.

Nada en 1985, Sarah foi criada nunha familia cristiá fundamentalista e educada en casa polos seus pais. A única música permitida para ela e os seus irmáns era a clásica e a cristiá. As clases de piano duráronlle un día e as de violín uns minutos… O profesor pegou a Sarah co arco e ela largouse. Non coñeceu a música “profana” ata que unha amiga deixoulle un disco de Belle & Sebastian cando tiña 19 anos. Nai solteira, vive nunha caravana nun pequeno pobo sureño e pasa por ser seguramente a única cantante country que cita a Frida Kahlo e os Sex Pistols como inspiración. De igual forma a única que se declara abertamente atea, bisexual, vegana e activista social.