THE SEY SISTERS

Baixo este nome atópanse un espectacular trío de voces negras. As combativas The Sey Sisters son tres irmás de ascendencia ganesa, nadas en Cataluña, que nos convidan a experimentar unha viaxe musical desde o góspel até a música africana, pasando polo soul. Os seus cantos están impregnados de emoción e xorden da loita contra as inxustizas, a defensa dos dereitos humanos e a esperanza no futuro.

O ano pasado presentaron o seu segundo disco, Rise, co que chegan a Compostela; un álbum que é unha reivindicación do colectivo de mulleres afrodescendentes, ao que elas pertencen, e que xorde da necesidade de expresarse desde o que son: mulleres fillas de persoas migradas que, a pesar de ter nacido e medrado en Cataluña, loitan cada día para que a súa cor de pel non determine o seu camiño.

Rise é unha chamada á revolución persoal e á aceptación colectiva, unha chamada á visibilidade e á diversidade.