TITO RAMÍREZ

En novembro de 2016 Discos Antifaz lanza un single dun artista chamado Tito Ramírez, sen máis información. Pronto se estendería o rumor de que se trataba dunha gravación inédita, da década dos 60. Ninguén daba con datos do seu autor, e a lenda chegou ao seu cume cando Diego RJ, do Sótano de Radio3 pon o single «El solitario».

O misterio do «Sixto Rodríguez español», como chegaron a alcumalo, destaparíase na presentación en directo do single, cando se descubriu que o enmascarado Tito Ramírez non era ningunha vella gloria, senón un artista actual que ensaia nos locais madrileños Pandora’s Vox.

Agora, Ramírez está de volta nos escenarios para presentar o seu primeiro LP. Editado por El Volcán con licenza de Discos Antifaz, The Kink of Mambo podería traducirse por O perverso do mambo ou A perversión do mambo e nel o autor regálanos unha exquisita mestura de R&B, boogaloo, chachachá, e por suposto maaaambo! desde unha perspectiva moi persoal que perverte canons e patróns rítmicos.

Composto por 12 cancións, inclúe os seus tres hits ata o momento: «Lonely Man», «Last Train» e «Mambo nº666», así como novos clásicos e unha revisión en clave de chachachá de «Amanecer sen ti», de Palito Ortega.