UKESTRA DO MEDIO

A orquestra de ukeleles compostelá presenta nesta edición o seu primeiro traballo longo, Outras Lérias, gravado no Laboratório Soyuz com Xurxo Pinheiro e Hevi.

Con sete anos de traxectoria, desta volta presentan por primeira vez temas propios, cantados en lingua galega e con influencias que van do pop máis intimista ao surf, power-pop ou country, feito con ukeleles, baixo e caixón.

Isto non significa que deixen de adaptar músicas dos seus artistas favoritos, como The Housemartins, Suso Vaamonde, Roger Miller ou o Roberto Carlos dos anos 60.

O seu é un repertorio realmente ecléctico, que se achega a estilos do máis diverso como o rock, country, swing, pop, tangos, bossa nova, música tradicional galega e portuguesa, e mesmo  jarocho mexicano. Amais do ukelele, empregan instrumentos derivados, como o banjolele, a caixa flamenca ou peruana, maracas e, en ocasións, baixo e harmónica.

A formación está composta por Sara Piñeiro, Kátia Mera, Alfonso Collazo, César Parcero, Alberte L.C. (Samesugas, Os Novos, Dirty Barriguitas) e Yolanda Porto.