NOLA BRASS BAND

O combo madrileño, unha das bandas nacionais mais recoñecidas do xénero Nova Orleans, reúnese nesta ocasión para achegar ao Outono Códax 2021 a música do xenio da guitarra, Jimi Hendrix, a un novo horizonte musical.
O rock psicodélico de Hendrix alcanza unha nova sonoridade, grazas aos arranxos orixinais de Josué García, que logran trasladar a música do guitarrista ao xénero brass, cunha potente e coidada orquestración interpretada con gran gusto pola formación composta por Josué García (trompeta e dirección musical), Santi Vallejo (trompeta), Martín García (saxo tenor), Dani Herrero (saxo barítono), Fran Sánchez (trombón), José Luis Martín ( tuba), Agus Alonso (voz e guitarra) e Rubén Cuadrado (batería).
Nola Brass Band naceu en 2013 coa intención de achegar a música de Nova Orleans á nosa cultura, dándolle un toque único de modernidade facía o funk e o jazz. Ese desexo materializouse dende entón con actuacións nas mellores salas e festivais nacionais: Sala Clamores, Berlín Café, Festival de Jazz de Madrid, Festival de Jazz de Azuqueca de Henares ou FestiMad, por nomear algúns.
A confirmación da banda como un dos puntais nacionais do xénero confirmouse coa publicación, en 2015, do seu disco “ Back From New Orleans”.